alicerce

Parte inferior dunha construción, xeralmente situada baixo a superficie da terra, que a sostén soportando o seu peso.

Etimoloxía

Procede do árabe al-isas 'base, fundamento'.

Exemplos *

"Todo alí indicaba que os tempos eran duros para Lois, que, alén dos alicerces e do tellado, o edificio parecía acharse en franca ruína." (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana)

"Esa noite durmín coa ilusión de que as Casas Baratas viraban nunha especie de plataforma petrolífera e, pola mañá, cando mamá me espertou para ir ao colexio, sentín que os alicerces do edificio xa se estaban a mover por unha sorte de actividade fabril." (Antón Riveiro Coello: Casas baratas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.