almorzo

Primeira comida do día, que se fai polas mañás / Alimento que se toma nesa comida

Etimoloxía

Palabra que nos chega do latín vulgar *admordium que remite ao clásico admordere ‘dar unha mordedela’.

Exemplos *

“Cando me presentei na recepción, unha señora algo entrada en anos esculcoume un bo intre con xesto preocupado até que finalmente me entregou unha pesada chave de bronce enganchada nun chaveiro, como non, en forma de esfera de reloxo.

–Último andar, porta dereita –espetou sen máis–. Os almorzos de oito a dez e os xantares de unha a tres.” (Tomás González Ahola: Da fría e distante estrela polar, 2016)

“Logo foille engadindo cousas: empezou pola cociña, despois unha neveira, un lavalouza... Agora é un lugar de reunión e de nutritivos almorzos. Ás dez nós xa levamos catro horas traballadas. Polo tanto, a media mañá, xa hai gana de comer.” (Manuel Iglesias Turnes: Que non te aten, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.