Conxunto de materiais procedentes da erosión, que foron arrastrados e depositados nun lugar por unha corrente de auga
Etimoloxía
Vocábulo que nos chega directamente desde o latín alluvio que significaba ‘inundación’ ou ‘terreo de aluvión’.
Exemplos *
“Xa foramos unha vez os dous visitar a Morraceira do Grilo. Estas morraceiras son unhas illas de aluvión que hai no esteiro do Miño, e pertencen ós concellos do Rosal e da Guarda.” (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras, 1994)
“As amplas rías, que se espallaban ao abeiro das cadeas de dunas do litoral (...) téñense visto parcialmente colmadas polos propios sedimentos mariños, transportados cara a esta zona polas marés ou polos aluvións depositados nas desembocaduras dos ríos.” (Teresa Moure: Herba moura, 1997)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.