Rama das matemáticas que estuda a cantidade en xeral, as súas estruturas, relacións, operacións etc., utilizando letras ou signos en lugar de números / Asunto moi complicado ou difícil de entender
Etimoloxía
Termo que procede do vocábulo latino tardío algĕbra, e este tomouno do árabe clásico alǧabru [walmuqābalah] 'redución [e cotexo]'.
Exemplos *
“El falaba entre sorrisos e no silencio dela ducias de personaxes descoñecidos xurdían amables. Mario Benttini, un tipo curioso fuxido da mafia. Igor, un experto en álxebra aferrado a un violín polas rúas de Londres. Ludwig, Nana, Agostinho... outras falas, outros ambientes.” (Carmen Pereiras: pequenos infinitos, 2008)
“Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais. De volta en España, o seu doutorado por Yale non lle valeu de nada.” (Eduardo Rolland: GCiencia. O portal da ciencia galega, 6-2004)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.