alxibe

Depósito, polo xeral subterráneo, onde se recolle a auga da chuvia // Depósito grande para almacenar ou transportar auga ou outros líquidos

Etimoloxía

Vocábulo que vén do árabe hispánico alǧúbb, e este lévano ao árabe clásico ǧubb ‘pozo’.

Exemplos *

“Era terra de bos pastos. As pozas abertas para sacar a arxila de cando alí se fabricaba tella actuaban de alxibes que retiñan a auga que lles deixaba a choiva. Ao rebordaren, mollaban o campizo no que medraban herbas vizosas durante todo o ano.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia, 2013)

“Sabíase sucio, a roupa infectada dun cheiro escuro e impreciso (...). Bañouse no alxibe forestal que hai antes de entrar en Tronceda, estanque que recollía a auga fría dun regato que baixaba entre fentos e no que aínda flotaban as follas do outono.” (Francisco X. Fernández Naval: Sombras no labirinto, 1997)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.