amanuense

Persoa que ten como oficio escribir á man o que se lle dita ou copiar textos e documentos

Etimoloxía

Vocábulo que bebe directamente do termo latino amanuensis de significado parello.

Exemplos *

“Despois, na casa, involucrado nunha actitude clandestina, pasábaos a limpo e o domingo collía a bicicleta e achegábase deica á Coruña para entregarlle ao director de Solidaridad Obrera os pensamentos revolucionarios do seu amigo Santi Noreste que el repasara coa caligrafía debuxada dun amanuense noctámbulo.” (Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin, 2001)

“Na perruquería maior de Boapedre están os vidros rotos pola luz que falta; unha nota manuscrita, de caligrafía preciosa, case manierista, de amanuense, anuncia nun papel con corpo espetado no peito da xanela: enterro ás once de mañá, sábado 30.” (Xosé Vázquez Pintor: A memoria do boi, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.