ámboa

Recipiente grande de barro, destinado a conter viño e outros líquidos

Etimoloxía

Denominación que procede do latín vulgar *ambulam de significado semellante.

Exemplos *

“As ámboas están decoradas con cordóns de barro que rodean todo o corpo da peza a intervalos regulares. Estes cordóns, chamados vincos son en ocasión lisos, pero as máis das veces levan unha serie de depresión feitas co dedo.” (Miguel Vila Pernas Olería tradicional en Galicia, 1998)

“O viño de Amandi, "que en ámboas de barro era levado a Roma para ser presentado nos banquetes dos césares", caracterízase porque "ten unha gradación alcohólica que non existe en Galicia, a ribeira do Sil, no que toca ó concello de Sober, está recibindo o sol da mañá á noite, o río actúa como termo regulador, onde hai pouca diferencia entre noite e día; tamén, os bancais, que están feitos de pedra, reflicten o sol ós viñedos.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.