Árbore orixinaria de Asia da familia das rosáceas (Prunus amygdalus), de madeira dura, follas lanceoladas e flores brancas ou rosadas, que ten como froito a améndoa
Etimoloxía
Palabra derivada por sufixación que toma como base “améndoa”, que vén do latín vulgar *amyndula que remite ao clásico amygdala ‘améndoa’ que bebía do grego amygdále de significado semellante.
Exemplos *
“Desde a xanela aberta do meu cuarto vense os coellos entre a herba seca da horta, oliveiras e amendoeiras, o leito seco dun torrente e, un pouco máis adiante, o mar, o magma a esta hora gris do mar.” (Anxo Angueira: Bágoas de facer illas / Felanitx, 1997)
“Dende a varanda daquel patio contemplábase o xardín que cadraba xusto debaixo, a onde se baixaba por unha escalinata; o xardín sombrizo era realmente un bosquete moi ben recortado de amendoeiras e buxos que organizaban un pequeno labirinto que premiaba a quen descubrise o camiño co frescor dunha gruta artificial.” (J.A. Xesteira: Contos de familia / As estacións do pazo, 2005)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.