amieiro

Árbore da familia das betuláceas (Alnus glutinosa), que pode acadar os vinte metros de altura, de copa moi poboada, con follas arredondadas e dentadas, flores en amento, casca de cor parda e madeira de cor clara, moi dura e lixeira // madeira desta árbore

Etimoloxía

Pénsase que o termo podería derivar do latín vulgar *amoenarium que remite á locución amoena (arbor) ou que se remonta a un nome de orixe prerromana cunha raíz indoeuropea am- que significa ‘auga’ e sería a ‘árbore da auga’.

Exemplos *

“A diferenza doutros pescadores, non levaba cesta senón que cada troita que collía ía engastándoa nunha póla que esgazara dun dos moitos amieiros que había a carón do río.” (Xosé Lois Ripalda: O país dos mil ríos. Cultura fluvial en Galicia, 2009)

“A carauta está feita con madeiras de bidueiro ou amieiro, madeiras boas de traballar, correosas e lixeiras ; no seu conxunto vén pesando aproximadamente quilo e medio.” (José Cruz Rodríguez: Trazos sobre a vestimenta tradicional en surleste de Ourense, 2004)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.