anaconda

Serpe non velenosa da suborde dos ofidios, de cor verde con círculos escuros no dorso, que vive á beira da auga e pode alcanzar os dez metros de lonxitude

Etimoloxía

Vocábulo que chegou desde o inglés, pero crese que é a denominación dunha pitón cingalesa que significaba ‘o talo do raio’ ou dunha do támil ‘a que come un elefante’.

Exemplos *

“Enviaron misións de localización e rescate pero foi imposible. Ninguén os atopou. Só os crocodilos, as anacondas e o xaguar saben do seu destino. Completaron a fase de camuflaxe.” (Fernando Díaz-Castroverde: Microbios e outros paquidermos / Camuflaxe, 2011)

“Eu estiven nun soño teu, tiñas un laño de congros aniñando no teu embigo; un deles, do tamaño da anaconda, trabábache na gorxa o veleno sutil da nostalxia. Ese veleno é un antídoto contra a utopía.” (Xaime Domínguez Toxo: Contos da Baiuca / A casa dos alicerces mariños, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.