anáfora

Recurso de expresión que consiste na repetición dunha ou máis palabras ao principio de dous ou máis versos dun poema, ou ao comezo de dúas ou máis oracións dun texto en prosa.

Etimoloxía

Tomouse do grego anaphora ‘repetición’, formado a partir de ana ‘cara a atrás’ e phora ‘acción de levar’.

Exemplos *

“É unha oración que se reza a si mesma, unha aliteración que, por tan reincidente, remata sendo unha anáfora sen ningún tipo de senso ou significado real.” (Francisco Castro: Amor de cinema)

“Trescentas páxinas de adxectivos, de anáforas, de sinécdoques, de onomatopeas e xiros hipérbatos e ornamentos; nunha prosa estraña e desbordada, nun xigantesco crepúsculo gramatical.” (Román Raña: “O último hexagrama” en Nun cuarto para agardar)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.