andamio

Estrutura provisional de madeira ou metálica, que serve para andar por ela a certa altura en traballos de construción, reparación ou pintura de edificios, paredes, barcos etc.

Etimoloxía

Sobre a orixe desta palabra hai división de opinións: para uns deriva de andar, e este remóntase ao latín ambulare, e para outros vén do árabe, da forma ad-da'aim.

Exemplos *

"Foi un dos primeiros curas obreiros e tiña unhas grandes calidades para as relacións humanas, por iso, en lugar do andamio, enviárono ao hospital a tratar con doentes terminais." (Alberto Canal: Conexión Tubinga)

"O pai, pola contra, que viña derreado de andar nos andamios, non estaba polo labor de responder a aquel manancial de preguntas e axiña o mandaba calar cun berro abouxador que facía tremelar os adornos que había enriba da televisión." (Antón Riveiro Coello: Homónima)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.