andrómena

Aquilo que se inventa ou que se discorre para enganar ou despistar a alguén / Cousa estraña e sorprendente

Etimoloxía

Podería ser que a orixe da voz estea vinculada ao antropónimo “Andrómeda”, personaxe mitolóxico grego.

Exemplos *

“O bruxo da montaña sabe moitas andrómenas para sandar as almas feridas. Adiviña canto está por acontecer, sen máis que preguntarllo á peneira de San Cibrán, e sempre ten unha feiticeiría axeitada para cada mágoa.” (Daniel Rodríguez Castelao: “O bruxo da montaña”, Cousas, 1929)

“Pero, claro, á Elena non había que facerlle moito caso. Tamén nos andaba sempre coa andrómena de que os trollos eran capaces de tragarnos se saltabamos neles, pois non era a primeira vez que engulían a toda unha vaca viva sen que se soubese máis dela.” (Afonso Eiré: Eu tamén fun coas vacas, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.