anduriña

(Foto: Thermos, 2006. Wikipedia)
(Foto: Sannse, 2004. Wikipedia)

(Hirundo rustica) Paxaro da familia dos hirundínidos, coa parte superior de cor negra azulada, a inferior branca e a testa e a gorxa vermellas, ás rematadas en punta e cola gallada.

Etimoloxía

O seu nome en latín era hirundo –inis, pero no latín vulgar pasou a harundo –inis, de onde procede a nosa voz.

Exemplos *

“Un enorme falcón acababa de emitir o seu arrepiante berro de morte ó se abater sobre unha anduriña.” (Xoán Bernárdez Vilar: A saga da illa sen noite)

“Había ovos de moi diferentes tamaños e cores, dende os oviños de carrizo, verderolo, lavandeira, paporrubio, anduriña ou pardal, que eran moi pequenos, até os do cuco, da laverca, do lagarteiro, do miñato ou doutras aves maiores …” (Anxo Tarrío Varela: Galicia Hoxe 22-04-2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.