anfibios

Clase dos vertebrados da superclase dos tetrápodos, de pel núa, temperatura corporal variable segundo o medio e respiración cutánea e por branquias nas larvas e pulmonar nos adultos, á que pertencen os anuros os ápodos e os urodelos.

Etimoloxía

Esta forma tomámola do latín, aínda que a orixe está no grego amphibios.

Exemplos *

“En Galicia, desde hai anos, os apicultores denuncian a mingua constante das colonias e atribúen o suceso aos efectos do cambio de clima, que xa se manifesta na desaparición dos anfibios.” (Galicia Hoxe 30-03-2007)

“Somos anfibios, aptos para habitar a auga e a terra. Este ano de chuvias persistentes temos o caldo… o caldo de cultivo para unha metamorfose.” (Gustavo Pernas Cora: Paso de cebra e Sucesos)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.