Aninovo

O primeiro ou os primeiros días do ano que comeza

Etimoloxía

Hai dúas hipóteses posibles. Unha que a frase “ano novo” por disimilación morfolóxica e especialización semántica dese en “aninovo” e a outra é que proceda da frase latina (dies) anni novi ‘días do ano novo’. Nesta acepción escríbese con maiúscula.

Exemplos *

“Sería un bo comezo afrontar o aninovo de 1618 sen necesidade de facer un gran desembolso dende as xa arruinadas arcas do cabido e dende as non menos baleiras despensas dos veciños” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

“Non hai propósitos de aninovo na prensa convencional. Ou son os de sempre.” (Cosme Torreiro: Sermos Galiza, 9-1-2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.