Instrumento óptico composto por dúas lentes que se suxeitan ao nariz e ás orellas mediante unha armadura ou montura e que serve para protexer a vista, corrixila ou ter unha mellor visión
Etimoloxía
Palabra formada por estoutras dúas a preposición “ante” que significa ‘diante de’ e o substantivo “ollos” que vén do latín oculus ‘ollo’.
Exemplos *
“O subinspector Somoza era un home alto que camiñaba engruñado dentro dun xersei gris. Tiña o nariz prominente, os beizos grosos e o pelo branco e escaso, sen peitear. Pese a utilizar anteollos, miraba cos ollos entornados nun xesto miope.” (Domingo Villar: A praia dos afogados, 2009)
“A mestra mirábaa compasiva dende os seus anteollos. Ela tamén estaba pechada naquel pequeno e abafante cárcere á hora dos recreos.” (Paula Mariño Pazó: Na derruba, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


