apandar

Levar a parte negativa do xogo nalgúns xogos infantís, como ter que coller ou buscar aos outros xogadores.

Etimoloxía

Este verbo formouse a partir do substantivo panda, que probablemente teña relación co latín pandus 'torto'.

Exemplos *

"… cando estabas na Casa xogando a "Quedas", podías rir e facerlle burla e carantoñas a quen apandase, que aí non te podía cachar e tiña que amolarse e seguir apandando …" (Xavier Lorenzo Tomé: O paxaro que canta un nome)

"Esa tarde, na que o Pepe e o Suso levaban horas apandando e o sol baixara e a noitiña caía agrandando a sombra das pólas e facendo o xogo moito máis interesante, algún de nós se cadra ou algún dos rapaces que viven mesmo a carón da Chousa, foise meter nun lugar máis oculto do normal …" (Xosé Miranda: A neve e a cadeira)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.