aperitivo

Bebida que se toma antes da comida principal acompañada xeralmente de pequenas porcións de alimento

Etimoloxía

A orixe da palabra atopámola no latín tardío aperitivus que vén de apertivus, -a, -um ‘aperitivo’ ou ‘que abre facilmente’.

Exemplos *

“Aí tes as películas de cine para comprobalo: especialmente, os grandes clásicos americanos. Podes ver como pasan todo o tempo bebendo e fumando. Beben aperitivos, cócteles, whisky... beben de todo!” (Xosé Ramón Pena: Como en Alxeria, 2012)

“Cunqueiro apreciaba en gran medida os brancos que levaban máis dunha metade de treixadura. Parecíanlle os viños albos os máis axeitados para despabilar a mente. Servían para o aperitivo dos estudosos, do Padre Feixóo, ou do seu mestre, Otero Pedrayo.” (Xavier Castro: Galicia Hoxe, 19-11-2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.