arado

Aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.

Etimoloxía

A palabra remóntase á latina aratru de significado semellante.

Exemplos *

“Ademais do carro como principal medio de transporte hai que falar do burro, empregado para as máis variadas labouras agrícolas, moitas veces suplindo as parellas de bois e de vacas para turrar do arado.” (Xosé Lois Ripalda: A cultura do pan, 2008)

“Teño que amañar o arado do tractor, que case se me desfixo onte nas pedreiras do Arandal.” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda / A noite dos cans doentes, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.