argalleiro, -a

Que anda con bromas para divertirse ou rirse da xente e que está sempre disposto a improvisar diversións e organizar festas

Etimoloxía

Palabra derivada do verbo “argallar” que non se ten clara a súa orixe.

Exemplos *

“Hoxe rebaixáronse moito esas bromas se matinamos en que nas aldeas os máis argalleiros, unhas veces, botaban picante nos doces e, outras, eran eles os que ao beber dun gulapo unha xarra de viño, a sorpresa estaba no fondo en forma dun rato ou desas formigas que non paran, da cama á mesa.” (Pedro Rielo: Galicia Hoxe, 4-2-2005)

“Rapaza argalleira, da miña idade, sinxela, espabilada, chea de vitalidade, sen decatarse da súa pobreza. Encontrabámonos polas vacacións e falabamos de romaxes e de Pepe do caseiro, que desexaba xuntar uns patacos para irse a Francia.” (Manuel Reimóndez Portela: Un médico na aldea, 1992)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.