arlequín

Personaxe da antiga comedia italiana, que facía rir ao público cunha careta negra e un vestido de diversas cores con figuras xeométricas e disfrace que imita o traxe deste personaxe

Etimoloxía

Voz que nos leva ao italiano arlecchino, e este bebe do francés antigo Hellequin, ‘o demo’.

Exemplos *

“Outras dúas persoas ocupaban os sitios contiguos á porta. Ían vestidas de arlequíns e falaban unha lingua inintelixíbel. Lois (...) ollaba o seu propio traxe e sentía unha envexa fraternal dos rombos vermellos, amarelos e verdes que lucían ao lombo os dous magníficos personaxes.” (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana, 2006)

“Enfermeiras, limóns, acios de uvas, pallasos, arlequíns, monecos de neve, a práctica totalidade dos animais presentes nun zoolóxico, bailarinas, militares e un garda civil que axudou á policía local a regular o tráfico foron outros dos disfraces que puideron verse no desfile.” (Marisa Martínez: O Correo Galego, 19-2-1996)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.