Mamífero carnívoro da familia dos mustélidos, de pequeno tamaño, que se caracteriza por ter unha pel moi suave e delicada, que muda de cor segundo as estacións, parda clara nas partes superiores e branca nas inferiores durante a época estival e totalmente branca no inverno
Etimoloxía
Esta voz lévanos á latina Armenius [mus] que se pode entender como 'rato de Armenia', por provir o animal do mar Negro. O nome científico é mustela erminea.
Exemplos *
“Nunha ollada rápida , Marco ve o de todos os anos : homes que visten capas de pel de armiño , os mestres de artesanía , o gremio completo , adobiados con pólas e coroas de oliveira.” (Francisco Castro: O segredo de Marco Polo, 2010)
“Pero eu fixen descer da bóveda dos ceos un millón de armiños / para os pés da amada” (Chus Pato: Nínive, 1996)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.