arró

Franxa de terreo sen cultivar que hai no extremo dunha terra de labor e que serve para pasar por ela, de lindeiro con outra leira, ou para que paza o gando

Etimoloxía

Crese que podería proceder do termo latino arrugia, pero tamén se xoga coa posibilidade dun cruzamento do termo celta broa ‘enseada’ e a palabra “arredor”.

Exemplos *

“Unha mañá, cando levaban escasamente unha semana na nova casa, mentres Edelmiro Portela andaba a pasear coa nena polos arredores da capela, viu máis abaixo, nun arrós, dúas rapazas apañando no molime.” (Xesús Manuel Valcárcel: Os ollos da sentinela / As falsas acacias, 1997)

“Ó seren tanta xente levaron toda a leira nun eito; pero, nada máis chegaren ó arró, guindouse a auga con forza, tal como anunciara aquel vento do vendaval que soprara todo o día.” (Manuel Iglesias Turnes: As rapazas de Xan, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.