arroaz

(Tursiops truncatus) Mamífero da familia dos delfínidos, de tres a catro metros de lonxitude e de cor gris escura nas partes superiores e gris clara tirando a branca nas inferiores.

Etimoloxía

Considérase que procede do latín rapax, -acis, derivado do verbo rapere ‘rapinar’.

Exemplos *

“Polas tardiñas, cando ven chegar os arroaces dende a atalaia do Castro, dan o aviso, preparan as tarrafas e á mañá, cando o peixe foxe da ría, dan os lances cercando os mansíos.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal)

“Cada cen anos, os arroaces das augas frías viñan visitar ós seus compadres do sur e entrámbolos dous grupos iniciábase un baile de cortexo que duraba varias horas.” (Rosa Aneiros: Corazóns amolecidos en salitre)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.