Doce elaborado con arroz cocido en leite azucrado e aromatizado con rela de limón ou de laranxa e canela
Etimoloxía
Frase formada co substantivo “arroz” que procede do árabe hispánico arráwz, que remite ao clásico aruz de significado semellante ao que se lle engade "con leite" cuxo núcleo é "leite" que vén do latín lacte 'leite'.
Exemplos *
“...Como sobremesa déixannos elixir entre arroz con leite e torta da avoa... O mozo regresou, desta vez con caderno e bolígrafo na man, disposto a tomarlles nota.” (Elena Gallego Abad: Dragal III. A fraternidade do dragón, 2012)
“O xefe de máquinas obsequiouse e obsequiounos cun aperitivo de viño da casa e lata de anchoas. Para comer houbo callos e arroz con leite e, para os que quedaran con fame, peixe fritido e tortilla francesa.” (Xavier Paz: Follas de bacallau, 2005)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.