artesán, -á

Persoa que se dedica a unha rama da artesanía

Etimoloxía

Palabra que tomamos desde o italiano artigiano ‘que traballa de xeito tradicional e non en serie’, que, á súa vez, deriva de arte que bebe do latín ars, artis ‘arte’.

Exemplos *

“Este artesán rural das comarcas periféricas de Compostela tiña moita clientela das parroquias do arciprestado de Soneira distante do seu obradoiro uns 50 km, en parte porque ofrecía uns prezos máis asequibles cós mestres barrocos composteláns da época, en parte porque era oriúndo de San Xoán de Borneiro.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

“Neste contexto moitas eran as artesás e artesáns que alí estaban, entre elas Idoia Cuesta. Esta cesteira asentada en Lugo leva xa uns cantos anos construíndo unha marca sólida de produtos que, aínda sendo artesanais, basean a súa potencia na experimentación de materiais e de volumes.” (Lola Dopico: Sermos Galiza, 13-7-2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.