asfalto

Mestura desta substancia con area ou grava, que se emprega para revestir camiños, estradas etc. / Substancia de cor parda ou negra que se atopa en estado natural ou se obtén da destilación do petróleo, que se utiliza principalmente para illar superficies da humidade

Etimoloxía

Termo que procede do latín tardío asphaltus ‘betume’, e este remite ao grego ásphaltos.

Exemplos *

“Camiñaran apenas cinco minutos polo bordo da estrada, cando chegaron a un lugar repleto de vehículos e a outra curva de asfalto da que saía, coma un afluente, un camiño descendente cuberto de folla que anunciaba o outono.” (María Oruña: O souto dos catro ventos, 2021)

“Aquel día saín, respirei, agarrei do brazo o meu irmán, e metinme no coche tratando de obviar que nalgún punto da mesma estrada pola que avanzabamos xacían as almas dos meus pais pegadas no asfalto.” (Inma López Silva: Aqueles días en que eramos malas, 2019)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.