Réptil da suborde dos ofidios, do que existen varias especies, duns dous metros de lonxitude, e moi velenoso
Etimoloxía
Chega á lingua desde o latín aspis ‘réptil pezoñento’, pero bebe no grego aspís ‘serpe’ ou ‘escudo’.
Exemplos *
“Aquelas estaban vivas, ¡como remexían!, pero no posto de Mucha entre tanto amoreárase unha chea de xente. Hoxe non chas podo limpar nena _dixo tendéndome a bulsa, no interior da cal, noutra bulsa ben atada , as anguías retorcíanse como os áspides nos pozos das películas de Indiana Jones.” (Marilar Aleixandre: Lobos nas illas / Se has matar, faino axiña, 1996)
“Así que quixo entreter a espera definitiva dando un paseo por aquela paraxe. Por precaución, buscou ó primeiro atallos que eran áspides entre fieitos, coandro e trevos vermellos, pero só lle deron para gastar un cuarto de hora.” (Luís Rei Núñez: Expediente Artieda, 2000)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.