atmosfera

Capa de aire que arrodea a Terra / Ambiente, aire que nos arrodea, medio no que se vive e se respira

Etimoloxía

Termo que se crea no latín científico atmosphaera, e este do grego atmós 'vapor, aire' e sphaîra 'esfera'.

Exemplos *

“Debido ao efecto de refracción da luz solar coa atmosfera terrestre, a Lúa pasa tamén por unha área de penumbra xusto antes e despois da fase total do eclipse; neste tempo aparece cun ton avermellado, bautizada en ocasións como 'lúa de sangue'.” (Manuel Rey: GCiencia, 1-2019)

“Chovera e no ambiente respirábase ese cheiro a terra mollada que enchoupa a atmosfera tras as sarabiadas. Camiñabamos pola beira e de cando en vez detiñámonos a contemplar as formas que algúns ameneiros debuxaban sobre o río.” (Alberto Canal: O amor nos escuros días de Birkenau, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.