auga osixenada

Solución acuosa de peróxido de hidróxeno, de fórmula H2O2, que se emprega como oxidante, antiséptico e descolorante

Etimoloxía

Termo formado polo substantivo “auga” que vén do equivalente latino aqua modificado por “osixenada” que se forma no termo “osíxeno” tomado do francés oxygène co mesmo significado.

Exemplos *

“Apoiou o dorso da man de Ricardo no lavabo e fixo caer sobre a enorme ferida un chorro continuo de auga osixenada axudándose co algodón para limpar totalmente a zona afectada.” (Julio Santos Pena: Ons no meu corazón. Vivencias de tres anos da miña vida como mestre na illa, 2018)

“Non sabía por que tiña o cabelo así, aínda que non tardou en atopar as guedellas negras ciscadas por toda a casa e mais varios botes de auga osixenada no baño.” (Anxos Sumai: A lúa da colleita, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.