Persoa que levaba auga ao domicilio ou a vendía polas rúas // Persoa que lles levaba auga aos segadores
Etimoloxía
Palabra derivada sobre “auga” que nos remite ao latín acquam de significado semellante.
Exemplos *
“Era á vez tan culto e tan mitómano que, cando me contaba que as cepas do viño de Porto foran plantadas por galegos, (...), eu non sabía se era verdade ou mentira. Ou cando dicía e escribía que os primeiros galegos foran "casamenteiros", a seguinte xeración, "augadeiros", que traían a auga do acueduto das Aguas Livres, a terceira, empregados de fondas e pensións, que se fixeran despois propietarios de hoteis e restaurantes.” (José Antonio Gurriarán: Galicia Internacional, 1-1996)
“As cidades de Galicia contaban con estes profesionais que ofrecían auga na rúa e tamén que a levaban ás casas. Pero moitos deles foron traballar a Madrid e, sobre todo, a Lisboa (...). O galego augadeiro era coñecido pola súa vestimenta e seu barril de auga que levaba ás costas dende as fontes ata á casa dos que lla demandaban.” (Xosé Antonio Fidalgo Santamariña: Os saberes tradicionais dos galegos, 2001)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.