Vehículo automóbil usado para o transporte colectivo de pasaxeiros na cidade ou en distancias longas, normalmente con traxecto fixo.
Etimoloxía
Tomouse do francés, onde se formara por combinación do elemento de orixe grega auto ‘por si mesmo’ e omnibus, a partir do latino omnibus ‘para todos’.
Exemplos *
“O acontecemento desvelado produciuse unha noite despois de despedírense no centro da cidade, onde ela tomaba o autobús que atravesaba o arrabalde antigo para chegar a un apartamento da periferia.” (Xerardo AgraFoxo: O violinista de Malá Strana)
“Pouco máis tarde, premín o botón para solicitar a parada do autobús e decateime de que, durante o traxecto no que reparara naquelas cinco persoas establecendo conversas imaxinarias, ninguén dixera nin unha soa palabra no interior do vehículo.” (Diego Ameixeiras: Tres segundos de memoria)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.