Ave da familia dos carádridos, de cor verde escura na parte superior e branca na inferior, peteiro negro e un penacho formado por cinco ou seis plumas que lle adorna a cabeza
Etimoloxía
Trátase dunha palabra composta polos termos “ave”, desde homólogo do latín avis e o adxectivo feminino “fría” que procede do equivalente latino frigidus. O nome científico co que se recoñece é Vanellus vanellus.
Exemplos *
“A xente confiaba nel como antigo servidor do Rei quen, dicían, desaparecera misteriosamente un día de inverno en que saíra moi cedo, con todo o monte nevado, á caza da avefría, que din que hai que facer así para collela desprevida.” (Luísa Villalta: As chaves do tempo, 2001)
“Un mar innavegable onde pousan só gaivotas. Os parrulos e galiñolas e avefrías e arceúchas e garzas e lavancos fuxiron para canas e salgueiros dunha distante ribeira súbita. Un mar sucado por esquivas lontras expulsas das súas covas anegadas.” (Anxo Angueira: Iria, 2012)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.