Insecto da orde dos himenópteros parecido á abella, aínda que de corpo máis esvelto, que pode vivir en sociedade, ten o abdome amarelo con listas negras, está dotado dun aguillón co que produce picaduras dolorosas e do que existen varias especies.
Etimoloxía
Procede da forma vespa, -ae do latín, co mesmo significado.
Exemplos *
"… os elementos da paisaxe, xeradores de melancolía, que veño recordando, non existían alí: os sapos elexíacos, os millos acendidos, as vendimas con avespas." (Xosé Avilares: Memorial de agravios)
"… a luz nas pupilas do marido tamén debeu de ser culpa da tendencia inherente ao carácter de Raúl Andrade coma humano a querer mollar os pés en tódolos ríos e en tódolos mares, colle de aquí, morde de alá, a picar de flor en flor, coma as avespas." (Inma López Silva: Concubinas)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.