azalea

Arbusto da familia das ericáceas (Azalea indica), con moitas ramas e follas de cor verde escura que é cultivado como plantas ornamental polas súas flores vistosas de varias cores.

Etimoloxía

Creación do latín científico azalea que bebe do adxectivo grego azaleós, –a, –on 'seco', 'árido'.

Exemplos *

"Foron ascendendo chanzo a chanzo, entre azaleas e noz moscada, entre piñeiros grandes e pequenos, ata o cumio." (Santiago Jaureguizar: A rutina corsaria)

"A miña existencia de nena estaba arredada desas festas, e ollaba distantes as diversións, os xardíns iluminados con lámpadas de papel que escintilaban nas augas da piscina, os matos de rosas, de azaleas e de hortensias." (Xesús Valcárcel: Matar o tempo)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.