bacallau

Peixe da familia dos gádidos (Gadus morhua), de ata un metro e medio de tamaño, propio de mares fríos, de pel verdosa con manchas castañas claras no dorso, moi apreciado pola súa carne, que adoita conservarse salgándoa e secándoa.

Etimoloxía

A súa orixe non está clara. Unha posibilidade é que proceda do gascón cabilhau.

Exemplos *

"Acórdame a primeira volta á aldea polo Nadal, a ilusión do bacallau con coliflor, a empanada de raxo e mariormente o turrón." (Xesús Ferro Ruibal: A miña oportunidade)

"En efecto, o aceite resultaba indispensable para preparar o rustrido, que, por exemplo, se empregaba para aderezar o bacallau con repolo, que estaba presente en practicamente todas as casas aldeás en Noiteboa." (Xavier Castro: Galicia Hoxe 2009-04-17)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.