Etapa da educación posterior ao ensino secundario obrigatorio, que prepara para o acceso ao ensino superior
Etimoloxía
Palabra derivada sobre “bacharel” que bebe do francés bachelier ‘persoa nova que aspira a ser cabaleiro’.
Exemplos *
“Confeso que me atrae esta foto, tópica nos centros escolares da época. Cando, alá polo ano 1973, me debrucei sobre ela, vin nos meus ollos de mozotiño un rapazote que estaba moi satisfeito polo sinxelo feito de estudar, de ser estudante que iniciaba o bacharelato.” (Xesús Alonso Montero: Luzes, 11-2016)
“Era o momento de escoller no bacharelato entre Ciencias ou Letras. Como eu tiña moi boas notas sen facer moito esforzo, os profesores aconselláronme que estudase as dúas ramas e que así, cando chegase á universidade, podería escoller o que máis me gustase.” (Marina Mayoral: O anxo de Eva, 2013)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.