Uva, considerada individualmente
Etimoloxía
Termo relacionado con “baga” que vén do latín baca de significado semellante.
Exemplos *
“A folla adulta presenta forma pentagonal con cinco lóbulos (...). Os acios son cónicos con lonxitude, largura e compacidade media, e con presenza de unha ou dúas ás. Os bagos son elípticos, de tamaño medio e de cor verde-amarela que adquiren unha cor dourada cando quedan expostos ao sol.” (Emilia Díaz Losada, Juan Carlos Vázquez Abal, Francisco Rego Martínez, Manuel Castro González e Sandra Cortés Diéguez: A variedade treixadura, 2018)
“¿E o tostado, que era? —¡Ai o tostado! ¡Que ben sabía! Iso faciámolo antes. Despois da vendima deixabamos uns acios colgados no teito do faiado ata o mes de decembro ou xaneiro. Cando estaban ben murcios os bagos, pisabámolos e prensabámolos, e despois fervía nun pipote. Saía un viño doce ¡que sabía... ! Agora xa non se fai.” (Augusto Pérez Alberti: Teceláns, 2002)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.