baila

Cada unha das pezas de baile

Etimoloxía

Creación regresiva sobre o verbo “bailar” que se cre que procede do latín tardío ballare que é probable que beba do grego pállein ‘axitar’.

Exemplos *

“Claro que lembraban un ao outro, ela gustara del e el gustara dela tamén, seguro que gustara dela, alí un en fronte do outro dicíndose falares de circunstancias, ela lembraba perfectamente aquelas bailas nunha festa na que se apertaran ben e ben.” (Suso de Toro: Calzados Lola (O dano e a absolución), 1998)

“É a única de toda a redonda que está nas bailas da saída da misa coa criatura. Acaíalle máis un paniño á cabeza ca non querer parecer unha moza, que non é aínda que tolee.” (Manuel Iglesias Turnes: As rapazas de Xan, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.