Xoguete que consiste nunha peza de madeira de forma cónica ou esférica, rematada nunha punta pola parte inferior, que se fai xirar cos dedos
Etimoloxía
Palabra derivada sobre o verbo “bailar” que vén do latín tardío ballare e este bebe do grego pállein ‘axitar’ ou ‘bailar’.
Exemplos *
“Para o neno bailala tiña algo de circense, cousa máxica conseguir poñela a bailar na palma da man. Lembra o perigoso que era xogar a escachar con certos rillotes, pois tiñan grandes buxainas, pesadas e armadas de enormes ferróns, auténticos esporóns que, cun golpe seco, podían fender calquera bailarete.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)
“«Lembro, con saudade, aqueles barcos de noz que botabamos na corrente fluvial. Os cabalos de pataca, os carros de nabo. Pasábao moi ben a correr cos patinetes, formados por unha táboa de madeira montada sobre rodas. Recreábame co bailarete, o andacamiños e, de especial, co tirafondas».” (Xavier Castro: Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX, 2007)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.