ballet

Danza executada por varias persoas na que por veces se incorpora unha parte de pantomima acompañada de música e mesmo de texto oral.

Etimoloxía

Esta forma chegounos do francés, que á súa vez a tomou do italiano balleto, diminutivo de ballo ‘baile’.

Exemplos *

“Cando rematou a súa canción, Manolo abriu os brazos e cun movemento grácil de bailarina de ballet amosoulle a Serafina as bicicletas que se aliñaban diante dun valado.” (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas)

“O aire, ó deloirarse, proxectaba as follas das árbores contra a nosa fachada, coma un ballet de sombras.” (Luís Rei Núñez: Expediente Artieda)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.