barbada

Peixe mariño da familia dos gádidos, de corpo alongado e longas aletas dorsal e ventral, que ten, segundo a especie, tres ou cinco filamentos, a modo de barba, no bico

Etimoloxía

A designación obedece ao aspecto deste peixe que semella ter unhas barbas na queixada inferior. Procede do latín barbātus de significado idéntico; é recoñecido co nome científico Ciliata mustela.

Exemplos *

“A barbada vive en augas repousadas, nas pozas dos pedregais, en coídos da costa ou nas partes das rías onde se pousan tódolos lixos das augas mortas: alí, onde podreza a xebra e os fondos se convertan en areas brandas.” (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro, 2008)

“Aquí sempre se asubiou para pescar barbadas. As barbadas saben que, cando escoitan asubiar, hai comida. tamén pasa o mesmo cun can, cun gato, coas galiñas ou con calquera animal. Acoden cada vez que escoitan o son da hora de comer.” (Suso Lista: Charamuscas, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.