barbantesa

Insecto da familia dos mántidos, de cabeza pequena, triangular, móbil e con grandes ollos, corpo alongado de cor verde ou tirando a parda e patas dianteiras adaptadas para a caza

Etimoloxía

Voz de orixe incerta. O nome científico que recibe é mantis religiosa.

Exemplos *

“Foron moitos os santos que falaron con animais, un repasiño por entre os máis coñecidos ten que reparar no de Asís que conversaba cos lobos (...) ou Nemesio de Iscia, a quen obedecían os escornabois, barbantesas, cortanas e demais insectos con poder de facer dano.” (Xosé Luís Martínez Pereiro: As irmás bastardas da ciencia. Antoloxía de sedes clandestinas, 1999)

“Nas campas podías ir detrás , durante horas , de bechos diversos. Esa fora, cando vivían en Ébora, unha das ocupacións favoritas de Milín, Libardino, o fillo do alcalde e compañía: vixiar os animais, cambiar dun para outro. Ora un milpés, ora un cabaliño do demo, ora a barbantesa, lesmas, abáboros, escaravellos, saltóns, gurgullos.” (Xosé Carlos Caneiro: Ébora, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.