Aparello de madeira, construído xeralmente nun curso de auga, que consta duns mazos que ao se moveren alternativamente pola acción da auga, van batendo os tecidos fabricados nos teares para desengraxalos e que entupan
Etimoloxía
O vocábulo procede, probablemente, do árabe hispánico *baṭán que remite ao árabe clásico battan de significado semellante.
Exemplos *
“A serra e mais un dos muíños (un batán para sermos precisos) eran do pazo de Matamouros, que na altura viñera moito a menos por perder o dereito a percibir rendas desde o ano vinte e sete, aínda que conservase setenta hectáreas de campo en volta da casa grande.” (Bieito Iglesias: Contos da terra da tarde, 2011)
“Neste prado houbo en tempos un batán e cando fai uns anos veu unha chea moi grande puxo ó descuberto un burato cadrado que puido pertencer ó batán.” (Jesús Alfonso Parada Jato: Usos, costumes e cousas do Courel, 2007)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


