belas artes

Conxunto de manifestacións artísticas que teñen como finalidade a representación da beleza, mediante a cor, a forma, o son, a linguaxe, o movemento etc.

Etimoloxía

Frase que se forma co adxectivo “belas” que vén do latín bellus ‘fermoso’ e o substantivo “artes” que procede do equivalente latino ars, artis ‘arte’, ‘habilidade’ ou ‘disciplina’ que bebe do grego téchne ‘produción’.

Exemplos *

“Mais oculta un segredo: baixo a súa anódina aparencia existe unha muller intelixente, cultivadísima _malia ter deixado a escola aos doce anos_ amante das belas artes e da alta cultura. Le a Tolstoi e a Kant, escoita a Mozart, admira a escola flamenga de pintura, entra en éxtase degustando películas xaponesas.” (Manuel Xestoso: A Nosa Terra, 9-1-2009)

“Posúe unha extensa formación en belas artes e moda acadada na universidade de Vigo, completou os seus estudios cunha estadía na Academia de Kuopio, en Finlandia, e cun período de prácticas realizado en Barcelona coa deseñadora Lidya Delgado.” (Lola Dopico: Sermos Galiza, 3-8-2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.