Molusco bivalvo (Cerastoderma edule) de cuncha dura e globosa, semellante a un corazón vista de perfil, de pequeno tamaño, cor entre gris e branca rosada e carne comestible, que vive enterrado no lodo e na area dos fondos mariños.
Etimoloxía
Non está clara a súa orixe. Apúntase que pode proceder dunha forma grega berberi ‘ostra que dá perlas’.
Exemplos *
"Pedíu un cacho de empanada de vieiras _probara empanadas de anguías, sardiñas, lampreas, bacallau, congro, bonito, berberecho, pero nunca de vieiras_ e unha tortilla de roxóns." (Carlos G. Reigosa: Crime en Compostela)
"Por esa Cova Sacra, día si día non, subía berberecho, ostra, percebe, centola, ameixa, mexillón, navalla, lapa, comida de pobres …" (Xesús Ferro Ruibal: Os papiros do Medulio
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


