bertorella

Peixe mariño da familia dos gádidos do que existen varias especies, parecido á pescada, coas aletas do ventre en forma de filamento, que habita en fondos areosos e é apreciado pola súa carne delicada

Etimoloxía

Crese que a denominación bebe do italiano brotola de significado semellante.

Exemplos *

“A muller de Renato xa viña de volta. Foi chegar, meter os barbadeiros e encher o cesto de barbadas coma bertorellas en dez minutos. Aquilo era unha mina.  Mentres eu pescaba e limpaba o peixe, Renato puxo a cocer unhas patacas con pemento, cebola e allos nunha cachela que armou cunhas rachas.” (Suso Lista: Charamusca, 2017)

“Os coruñeses fartáronse de bertorella, comeron tanta que remataron por aburrila, e non quixeron máis. E o ex-cociñeiro real tivo que botarlle a chave á tenda.” (Victoriano Taibo: Da agra aberta. Contos e lendas, 1956)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.