Arbusto da familia das caprifoliáceas, de dous a cinco metros de altura, co tronco de cortiza parda e engurrada e abundante miolo branco, moi ramificado, follas imparipinnadas de cheiro desagradable e flores pequenas e brancas en corimbo
Etimoloxía
Termo de orixe escura, xógase cunha posible vinculación co latín tardío benedictus, de aí “bieito” e deste, “bieiteira”, ‘persoa que fai pocións de herbas medicinais', e co bieiteiro tamén.
Exemplos *
“Fíxolle uns andeis de paus de bieiteiro, e colocounos contra un valado. Logo fíxolle dous muros de pedra a ambos lados e cubriunos cun colmo de xestas e uces, para protexelos da choiva e do vento.” (Antón Cortizas: Leonel, 1996)
“De camiño á casa vin facendo tempo, amodiño polo paseo marítimo, petiscando algunha herba para a auga de san Xoán. Á fin cheguei cun ramiño composto por unha póla de bieiteiro, unha de fiúncho, loureiro e dúas rosas silvestres.” (María Xosé Castelo Lestón: Obras breves de imaxinación. Obras gañadoras do Premio de Relatos Mulleres Progresistas 2007-2011 / O último abril, 2011)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.