bígaro

Pequeno gasterópodo mariño univalvo da subclase dos prosobranquios do que existen varias especies, que presenta unha cuncha negra en forma de caracol cun ápice aguzado, ten carne comestible e vive sobre as penas da ribeira

Etimoloxía

Designación que bebe do vocábulo céltico *békkus ‘peteiro’.

Exemplos *

“Así, atoparemos unha especialización produtiva dependente das características deste hábitat, vencellándose as costas de substrato rochoso co aproveitamento de lapas, mexillóns, bígaros, percebes... e aquelas outras de substrato areoso con recursos tales como a ameixa, a navalla e o longueirón, o berberecho, o carneiro...” (Juan José Losada: A actividade pesqueira en Galicia, 2001)

“A Littorina saxatilis é unha especie de caracol mariño que se pode atopar nas costas do Atlántico norte, dende Portugal ata Suecia. Pero nas costas galegas é coñecido como "caramuxo bravo", polo seu parentesco xenético coa Littorina littorea, que é o bígaro ou mincha.” (Redacción: GCiencia. O portal da ciencia galega, 12-2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.